|
HEMEROTECA
|
|
19/10/2007 Encontro entre o Director Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innnovación da Consellaría de Industria da Xunta de Galicia, Salustiano Mato, e o empresariado porriñés |
O director xeral afirmou que “o futuro da competitividade, non pasa pola reducción de salarios, senón polo desenvolvemento do coñecemento, da tecnoloxía e da non dependencia”
O xoves día 18 tivo lugar no CTAG (Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia),un encontro entre o Director Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innnovación da Consellaría de Industria da Xunta de Galicia, Salustiano Mato, e o empresariado porriñés. Aproveitando o convite realizado polo Concello do Porriño, a Dirección Xeral de I+D+I quixo dar conta ao empresariado porriñés, tanto dos seus proxectos de investimento no Concello do Porriño, como dos seus novos plans de actuación en todo o país.
O acto comezou cunhas palabras do alcalde do Porriño, Raúl Francés, quen acompañou na mesa de ponentes ao director xeral do Goberno Galego xunto co concelleiro de industria porriñés Marcos Rodríguez Novás e o director do CTAG, Luis Moreno. O alcalde porriñés destacou “a necesidade de alcanzarmos o nivel de investimentos adecuados en I+D+I, facilitando o achegamento entre formación e empresa”.
Na súa intervención, Raúl Francés destacou a laboura que neste senso levan a cabo centros tecnolóxicos como o CTAG, ou AIMEN, declarando que o goberno que él preside,“traballará para crear masa crítica que poña en valor o que no Porriño temos, a industria, unha industria que ten que traballar en relación tanto coa administración local como co que se está a facer en Galiza”.
Na súa intervención, o Director Xeral Salustiano Mato, pormenorizou os investimentos que o Goberno Galego, a través da Consellaría de Industria, destinará tanto ao CTAG como ao AIMEN.
Ao CTAG levarase 10 millons de euros, coa intención de convertelo en referente do desenvolvemento tecnolóxico dentro do campo da electrónica avanzada, campo que se pretende espallar de forma transversal a outros sectores a maiores da automoción.
Ao AIMEN son destinados 5 millóns de euros co obxectivo de potenciar este centro especialista en tecnoloxías de unión, con gran proxección no sector do metal. O Director Xeral de I+D+I da Xunta de Galicia, destacou a visualización internacional que acadarán estos centros, facendo fincapé, a máis da importancia cuantitativa dos investimentos, no salto cualitativo que supón esta nova dimensión internacional. “Hai que aproveitar as fiestras de oportunidades en tempo e forma”, afirmou Salustiano Mato, quen debullou na súa intervención o novo deseño que a súa dirección xeral está a implementar no tocante á súa propia arquitectura interna. Na súa aposta decidida pola innovación, Salustiano Mato destacou a importancia que a súa dirección otorga a centros tecnolóxicos como os que operan no Porriño, “a aposta polos centros tecnolóxicos pode parecer ao azar, mais obedece a un plan deseñado polo Goberno Galego para dar pulo a polos de innovación con imaxe de marca”.
O director xeral afirmou que “o futuro da competitividade, non pasa pola reducción de salarios, senón polo desenvolvemento do coñecemento, da tecnoloxía e da non dependencia”. Especial importancia otorgou Salustiano Mato ao papel da administración na creación de oportunidades, tanto a nivel infraestruturas, como de capital humano.
|
www.vigometropolitano.com/article.php3?id_article=26736
|
|
<< volver a listado de noticias |
|
|
|