Empresarios e emprendedores coñeceron máis de cerca as renovadas instalacións deste centro de formación e emprego do Concello do Porriño
Empresarios e emprendedores porriñeses déronse cita esta mañá no Multicentro de Torneiros no marco da I Xornada de Portas Abertas organizada pola Concellaría de Emprego e Formación do Concello do Porriño, que dirixe M. Alejandro Lorenzo. "Crear sinerxías entre ambas as partes, construíndo unha rede de cooperación conxunta que xere accións de promoción económica e emprego é o obxectivo da celebración desta xornada", explicaba o edil no momento da presentación, acompañado polo alcalde Nelson Santos e demais concelleiros do equipo de Goberno local, contando coa presenza de Lucía Molares, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e Norberto Urzal, Director Xeral de Administración Local.
O rexedor local remarcou o traballo diario que se realiza desde o Concello pola consecución do obxectivo número un: a redución da taxa de desemprego, que "a pesar da crise existente conseguimos manter as cifras, situándonos por baixo da media nacional". Un reto para o cal "desenvolvemos diferentes políticas activas de emprego como o Obradoiro Val da Louriña ou o Plan de Cooperación; porque alí onde exista unha mínima oportunidade de emprego, non cabe dúbida, aproveitarémola", engadía o alcalde sinalando que "o mellor ben que pode ter calquera persoa a día de hoxe é un posto de traballo". Por todo iso, para crear emprego e, consecuentemente reducir a taxa de paro, desde o Goberno local considérase imprescindible, ademais do apoio do Executivo autonómico, a colaboración dos empresarios do municipio e a comarca.
Neste sentido, a Concellaría de Emprego e Formación está constituíndo unha bolsa de empresas facilitando o acceso dos empresarios a todos os servizos que gratuitamente ofrece o Concello como son a selección de persoal, a formación dos traballadores, o asesoramento en materia de axudas e subvencións e a dispoñibilidade das instalacións do Multicentro de Torneiros. "En base ás necesidades en materia de recursos humanos detectadas no mercado laboral máis próximo desenvolvemos as diferentes accións formativas co obxectivo de que exista unha resposta real e os alumnos das decenas de cursos aquí impartidos poidan optar a un posto de traballo", explicaba Lorenzo. "De aí a comunicación entre empresas e Concello, de face a que nós coñezamos a vosa demanda para poder ofrecervos persoas preparadas para desempeñar cada cargo".
Pero ademais de apoiar ás empresas xa existentes, desde o Concello tamén se puxo especial atención en fomentar a constitución de entidades como unha saída á situación de paro. Así, nos catro primeiros meses deste 2011 o Servizo gratuíto de Asesoramento a Emprendedores de Porriño (SAEP) xa asesorou medio centenar de proxectos dos cales 16 xa se transformaron en empresa.
Un punto de encontro para empresarios e desempregados
Os máis de cen asistentes á xornada puideron comprobar de primeira man as remodeladas instalacións coas que conta o Concello neste Multicentro de Torneiros. "Un edificio dirixido a persoas desempregadas e tamén a aquelas outras persoas que teñen a posibilidade de empregar", subliñaba Lorenzo facendo fincapé no emprego, a formación e o autoemprego como os tres alicerces sobre os que se sustenta o novo Plan Municipal de Emprego, dentro do cal estanse levando a cabo unha serie de actuacións como esta dirixidas a fortalecer o tecido empresarial do Concello do Porriño e a fomentar a implicación do mesmo nos procesos de inserción laboral establecéndose unha rede de cooperación entre a Administración local e as entidades privadas.
Unha visita guiada levou a todos os asistentes polas diferentes plantas do edificio. Así ao redor do auditorio aberto onde se atopaban puideron ver oito aulas polivalentes, ademais da de barbería, pintura e xardinería. Na segunda planta visitaron as aulas de sociosanitaria, informática, Rede Cemit, hostalería, enerxías renovables e outras tres polivalentes, ademais dun aula multiusos, unha sala de xuntas, unha zona de Internet e os sete viveiros de empresa. Aulas todas elas que dispón dos medios técnicos necesarios e adecuados en cada caso.
O concelleiro de Emprego e Formación recordou que para a posta en marcha de todo este programa foi fundamental o gran esforzo e traballo de todo o persoal do Concello. |