Os usuarios poderán botar man dunha aplicación dirixida a permitirlles ofertar ou demandar prazas nos seus vehículos particulares
A Asociación de Empresarios de As Gándaras - Porriño está a pór en marcha un Plan de Mobilidade para favorecer que os traballadores aos que dá acubillo lles tiren o máximo partido aos vehículos dos que dispoñen, dende o punto de vista da sostibilidade e o rendemento. A medida vai acompañada dunha serie de accións en liña, como por exemplo a posta en marcha dunha web específica para permitir a plena inclusión no Plan das persoas que desenvolven o seu labor nos polígonos de As Gándaras e A Granxa. A través desta páxina, os usuarios poderán botar man dunha aplicación web dirixida a permitirlles ofertar ou demandar prazas nos seus vehículos particulares.
Para usala, terán que darse de alta como usuarios da páxina e crear a súa ruta habitual, especificando se procuran medio de transporte ou ofertan algunha praza libre no seu vehículo, ou incluso promover o emprego do autobús. Estas medidas responden ao programa de actuacións previsto nas Gándaras para reducir a emisión á atmosfera de gases contaminantes, moitos deles motivados polo uso non racional do transporte. |