ENTIDAD
A GRANXA
COMISIÓN DELEGADA
LOCALIZACIÓN
EMPRESAS
PLANO POLÍGONO
EMPRESAS MIEMBRO
UTILIDADES
HEMEROTECA
ENLACES DE INTERÉS
CONTACTO
HEMEROTECA
11/06/2010 Marcelino Coto: “O Porriño necesita o colectivo ambulante xitano e o colectivo xitano necesita O Porriño”

Entrevista de A Peneira da Louriña al concejal de Urbanismo, Industria y Comercio del Concello de Porriño

-Medio ano xa no goberno. ¿Está xa completamente adaptado ó traxín da vida política?

-A verdade é que levo soamente catro meses no Concello e teño a sensación de que pasaron catro anos. A adaptación foi moi rápida aínda que é certo que o cambio respecto á actividade da empresa privada é moi notorio. En contra da miña vontade tiven que renunciar á práctica deportiva, aos faladoiros cos meus amigos compartindo uns vinos e sobretodo ao tempo de dedicación á miña familia. Todo iso supereino coa gran ilusión de achegar o mellor de min mesmo ao servizo da miña Vila. Creo que é un orgullo para calquera persoa que sexan os veciños quen che elixan para que lles representes e lles soluciones os seus problemas. En todo caso era consciente de onde me metía e nada nin ninguén obrígoume a iso.

-De todas as áreas que están baixo a súa responsabilidade, ¿cal é na que máis horas de traballo inviste?, ¿Cal comporta unha xestión máis minuciosa?

-Teño que dicir que pola súa complexidade sen dúbida a concellaría de Urbanismo é con moito a que máis tempo me absorve e a que require un tratamento moi meticuloso; séguelle Industria que atravesa por moitas dificultades cos Polígonos tratando de superar este momento de crise. Tamén a área de Comercio por motivos análogos aos anteriores require unha importante dedicación. Debo resaltar que cando se realizou o acordo para constituír o Goberno non esixín ningunha Concellaría en concreto, foron os propios compañeiros os que decidiron as áreas que debería dirixir e asumino sabendo a gran responsabilidade que depositaban nas miñas mans.

-Sr. Coto, ¿qué pasa co mercadiño?

- Como veño dicindo ao longo destes días, este Goberno ten a ineludible obriga de gobernar para todos os colectivos de comerciantes: Ambulantes, Praza de Abastos, Comercio Tradicional etcétera, e isto comporta a dificultade de poder satisfacer ao cen por cen a todos eles. Xa que no seu día o Goberno anterior trasladou de forma provisional a Feira aos barrios de San Benito e San Sebastián e isto afianzouse no tempo, trouxo como consecuencia a decadencia da Praza de Abastos. Nós entendemos, despois de analizar profundamente esta situación, que a implantación da Feira os sábados nas proximidades da Plaza, redundaría nun relanzamento da economía tanto en a propia Praza como nos vendedores ambulantes como no propio comercio tradicional. Isto non foi aceptado polo colectivo de vendedores xitano que incomprensiblemente manifestou que estarían dispostos a acudir sempre que se celebrase pola tarde e non pola mañá, porque entende que lles prexudica cara ás vendas dos martes. Creo que é un momento onde todos debéramos axudarnos e espero e desexo que se reflexione sobre este particular. Quero manifestar que este é un Goberno totalmente aberto ao dialogo e á negociación, pero que nunca o fará baixo presión ou chantaxe algún. Entendo que O Porriño necesita o colectivo ambulante xitano e o colectivo xitano necesita O Porriño, polo cal estamos condenados a entendernos.

-Os vendedores ambulantes non están de acordo coas súas decisións. Nunha rolda de prensa do PsdeG-PSOE porriñés, o presidente da Asociación de Comerciantes Marroquís de Pontevedra, Mustapha Abdelaoui, asegurou que vostede non o recibía. Tamén o representante do colectivo xitano lanzou críticas…

-Xa espuxen anteriormente onde reside a principal problemática, pero debo ser crítico coa posición cínica do voceiro do PSOE, señor Iván Vaqueiro, que en un intento de salvar o que parece ser a súa defenestración, desde o seu propio partido aproveita a circunstancia para sacar beneficio político utilizando en roda de prensa ao señor Mustapha Abdelaoui, quen chegou a mentir de forma descarada ao manifestar: que durante catro meses estivera intentando falar comigo e que eu non lle recibía. Isto é “totalmente falso” e poño por testemuñas a funcionarios encargados de recepcionar as peticións. Moi ao contrario, poderán dar fe de que un dos meus hábitos cotiás é recibir o maior número posible de persoas, incluso as que non teñen cita concertada, tanto pola mañá como pola tarde.

Necesítase ser moi irresponsable para que o señor Vaqueiro esixa a este Goberno e a este Concelleiro a inmediata implantación da ordenanza para a venda ambulante, cando gobernando el durante catro anos non foi capaz de facelo e reclama que o fagamos nós en catro meses. O señor Vaqueiro non xoga limpo e isto é un tema moi serio como para actuar frivolamente.

-Cambiando de asunto. ¿En Porriño hai un alcalde ou tres?

-En calquera caso habería dous alcaldes, tendo en conta que eu me autodescarto. Non lle vou negar que existen diferenzas de criterio puntual e isto paréceme positivo, xa que non concibo un Goberno onde todos seus os membros practiquen o “si señor, o que vostede diga”. Nun goberno debe haber debate e ao final chegar ao mellor acordo. Podo asegurarlle que o Goberno Local esta forte, unido e traballando moi duro, ten un só Alcalde e un fin: mellorar a calidade de vida de todos os porriñeses.

-¿Bota vostede de menos politicamente a Gonzalo Ordóñez?

-Rotundamente si, tanto a nivel persoal como na propia Corporación. Gonzalo para min é un referente, a el débolle o que poida saber de política, deume toda a súa confianza e esfórzome cada día por non defraudalo. Hai dous políticos polos que sinto gran admiración: Adolfo Suárez e Gonzalo Ordóñez. Creo honradamente que Gonzalo sería un gran alcalde para O Porriño e espero e desexo a súa volta á política activa, ben sexa a nivel local, autonómica ou nacional porque prescindir del é un luxo que non nos podemos permitir; a súa xenerosidade e humildade permitiu un gran cambio democrático na nosa vila.

-Irá vostede nas listas electorais do PP en 2011?

-Quero ser moi sincero, nestes momentos só penso en traballar duramente no proxecto no que me comprometín xuntamente cos meus compañeiros de Goberno. Se me presento ou non terei que meditaloo e pesará moito a opinión dos meus amigos pero sobre todo a da miña familia. En todo caso, de facelo o mais lóxico e probable é que vaia co Partido Popular, partido ao que sempre estiven vinculado ideoloxicamente e que por circunstancias que non quero lembrar tiven que abandonar no ano 2003.
blogs.apeneira.com/lourinha/2010/06/marcelino-coto-o-porrino-necesita-o-colectivo-ambulante-xitano-e-o-colectivo-xitano-necesita-o-porrino/#more-3057
 
<< volver a listado de noticias