Dende o grupo nacionalista din que o goberno de Nelson Santos utiliza a súa maioría non para gobernar senón para aparcar a solución aos problemas da cidadanía que tiña en marcha o anterior goberno
“En plena crise económica e sen ningún motivo que o xustifique o alcalde Nelson Santos está a bloquear os investimentos que o anterior goberno local conseguira para O Porriño”, así comeza o comunicado enviado polo grupo municipal do BNG do Porriño logo do pleno extraordinario celebrado o pasado venres polos nacionalistas.
“Santos recoñeceu que mantiña paralizados as obras e proxectos incluidos dentro do Plan E 2010 por valor de 1.850.149´00 €; do Plan de Investimentos da Deputación provincial cun orzamento de 1.307.020´00 € e tamén os proxectos presentados en Augas de Galicia por importe de 2.032.891´75 €. Todos estes proxectos, que mellorarían o saneamento, as comunicacións e os servizos que reciben os cidadáns do centro e das parroquias do Porriño foran xestionados no mandato de Raúl Francés”, aseguran.
“Ante o risco de perder as subvencións e as necesidades que ten a poboación”, o BNG demándalle ó alcalde que adxudique canto antes as obras. Segundo apuntan, se non o fai, o Concello corre o risco de perder todas esas achegas que suman máis de catro millóns de euros.
“No mesmo pleno extraordinario o responsable do capítulo de persoal do concello, o edil José Manuel Jacobo admitiu que o expediente de selección de persoal estivo paralizado máis de tres meses, dende o 4 de febreiro ata o 13 de maio”, din os nacionalistas. A única explicación que deu o responsable de Persoal é que “antes de continuar co expediente tiña primeiro que coñecelo mellor”.
“Dende o BNG pensamos en cambio que a intención real do goberno era non seguir adiante co proceso de selección. Se finalmente vai adiante é porque o BNG solicitou un pleno extraordinario e tamén porque a Fiscalía solicitou ó concello a copia íntegra do expediente ante a reclamación presentada por un dos aspirantes. Unha petición da Fiscalía que o goberno de Nelson Santos non incorporou ao expediente, pero da cal o BNG ten coñecemento”, afirman.
Aseguran que o propio concelleiro José Manuel Jacobo non desmintiu a existencia desa solicitude da Fiscalía, que entrou por rexistro o día 19 de abril de 2010 as 11:00 horas e que ten como nº de entrada o 4006. No que respecta ao incremento de persoal en colaboración social o concelleiro admitiu que hai un incremento de 20 persoas mais. “Esta é unha modalidade de traballo en precario que este goberno está incrementando de forma considerable, chegando aos niveis dos gobernos de Xosé Manuel Barros González”.
“O concelleiro Jacobo, responsable tamén da área de Tráfico, admitiu que non se fai ningunha vixiancia nas zonas de aparcamento regulado –a zona azul-. O concelleiro mentiu cando afirmou que o goberno non anunciou que estaba traballando nun novo regulamento sancionador. Mentiu porque foi o propio alcalde quen o dixo a través da prensa. Quedou en evidencia que este goberno traballa a través dos medios de comunicación, con profusión de anuncios, pero que na realidade se demostra que os expedientes e proxectos postos en marcha polo goberno anterior nin se abren nin se resolven”, conclúen os nacionalistas en relación co tema dos aparcamentos no centro urbano.
Por outra banda, os nacionalistas pediran tamén a comparecencia do concelleiro de Urbanismo Marcelino Coto o cal, segundo din dende o grupo municipal nacionalista, “admitiu na súa intervención que en tres meses e medio non se resolveu ningún expediente de disciplina urbanística e que só se abriron dous que procedían do ano 2009. Coto só se limitou a pasarlle aos concelleiros do BNG os listados dos expedientes urbanísticos, de actividades e servizos que están no departamento de obras. Estas declaración confirman que o edil de Independientes non ten interese en defender a legalidade urbanística no concello do Porriño. Demóstrase que este goberno quere volver á vella e denostada política do “ti vai facendo", sinalan.
O BNG manifestou no pleno que seguirá facendo un seguimento dos expedientes para que se cumpra coa lei. No que respecta ao PXOM, os nacionalistas aseguran que o concelleiro de Urbanismo négase a convocar a xunta de portavoces ou a comisión de urbanismo par tratar da revisión do PXOM que está en fase de modificación dende o mes de novembro de 2009. “O BNG tendeulle a man o goberno de Nelson Santos, ofrecéndose a traballar e facer aportacións para conseguir un documento de consenso. Ofrecemento que a día de hoxe o goberno de Nelson Santos rexeita”, aseguran.
En canto á comparencia do concelleiro Manuel Carrera, o BNG asegura que o líder do PP confirmou que todos os expedientes do Fondo Estatal de Emprego Local, do Plan de Inversións da Deputación e os proxectos presentados en Augas de Galicia, “están a día de hoxe paralizados”. “O señor Carrera sinalou que aínda está analizando os proxectos para cambiar as cubertas das escolas unitarias de Carracido e Atios están paralizados. Estes proxectos están contrados dende o mes de xaneiro mediante decreto do anterior alcalde Raúl Francés”, lembran os nacionalistas.
O goberno de Nelson Santos utiliza a súa maioría non para gobernar senón para aparcar a solución aos problemas da cidadanía que tiña en marcha o goberno do BNG. Así, segundo apuntan os nacionalistas o tripartito votou unido para deixar sobre a mesa o soterramento da liña de Torneiros, o expediente de solicitude de convenio coa consellería de industria e Presidencia para ampliar e mellorar a área deportiva de A Granxa, afectada pola ampliación do CTAG, mailo expediente de modificación da parcela 260. “Nestes tres últimos expedientes o que pretende o goberno é retrasar todo o que tiña avanzado o goberno anterior, e da mostras de que non acepta ninguna proposta da oposición”, sinalan . “A excusa de que usarán esa maioría para sacar adiante estas cuestións cando o crean oportuno, demostra unha prepotencia propia doutros tempos deixa ó descuberto unha incompetencia manifesta para negociar. Semella que os partidos que forman o goberno de coalición non están cómodos nun sistema democrático”, rematan.
“Hai que lembrarlle a este goberno que contan con 5 dedicacións exclusivas e tres parcias, que son oito persoas a traballar mais o cargo de confianza, aumentando de forma considerable os gastos en dedicacións dos membros do goberno. E ademais contrataron en tres meses tres asistencias técnicas. Por tanto, con este incremenro de dedicacións e remuneracións, non valen excusas de que tres meses e medio despois aínda están vendo expedientes para saber cómo está a situación”, conclúen dende o BNG porriñés. |