Máis de 250 persoas ateigaron o salón do CRC para celebrar a primeira década de vida da revista
revista Malladoura, editada polo Seminario de Estudos Porriñés “Alfredo Bautista Alconero” celebrou o seu 10º aniversario ante máis de 250 persoas que ateigaron o salón do Círculo Recreativo Cultural do Porriño o pasado sábado.
Ata alí se achegaron representantes de todos os partidos políticos do municipio así como os membros de todo o equipo de goberno encabezados polo alcalde Nelson Santos. O portavoz e concelleiro nacionalista Pedro Pereira e os socialistas Fernando Rodríguez e Mª Josefa Sío tamén estiveron presentes. Os empresarios de As Gandaras e a entidade urbanística de conservación Polígono A Granxa estiveron representados polo seu xerente David Sobral. Tamén estaba presente a presidenta da Asociación de Comerciantes do Porriño (ACIPOR)
Os premiados
Durante a gala, conducida pola xornalista de Radio Vigo María Díaz, entregáronse dous galardóns feitos en exclusiva polo artesán porriñés Paco Candán. O primeiro da noite reaceu no Círculo Recreativo Cultural por “abrir as portas á revista dende que esta daba os primeiros pasos”. O premio recibiuno a presidenta da Sociedade, Mª José Giráldez, de mans da redactora de Malladoura Rebeca Leboso.
O segundo premio foi para o pintor e debuxante porriñés Antonio Fernández Valverde “por estar ao carón da publicación durante estes dez anos enchendo con mestría as súas contraportadas”. O premio foi entregado ao pintor por Iván Vaqueiro e Luis Areal.
O director da publicación, Diego Giráldez, agradeceu o apoio a todos aqueles que fixeron posible coa sùa colaboración económica a celebración da gala e a edición do libro especial. Tamén pediu un recoñecemento para “aqueles que nunca dixeron “non” a Malladoura”, mencionando aos colaboradores Iglesias Veiga, Paz Antón, Pérez Rego “Cato” e Fernández Valverde.
Algúns dos momentos máis emotivos da celebración viñeron da man dos audiovisuais proxectados nunha pantalla xigante emprazada no escenario.
Éxito de vendas
Esa mesma noite, segundo apuntan dende o colectivo, vendéronse perto de 200 libros do especial “Malladoura. 10 anos entre nós”. Ademais aseguran que esta mesma fin de semana os quioscos comezaron a solicitar máis números xa que se estaban a esgotar nos establecementos.
“O éxito de público e o seu apoio son a proba de que o noso proxecto é querido e respectado no municipio e iso nos dá folgos para seguir adiante·”, explicaba o director da publicación Diego Giráldez ao finalizar a gala. “Non esquezamos que o ano do aniversario continúa e pode haber máis sorpresas ata a final de ano. En setembro sairá á rúa de novo a revista Malladoura”, rematou. |