Os nacionalistas solicitan un pleno extraordinario e a comparecencia dos edis de Persoal, Urbanismo e Vías e Obras, ós que demandan información sobre o estado dos proxectos e investimentos iniciados polo BNG
O BNG do Porriño acusa ao goberno de Nelson Santos de ter freado a administración durante os tres meses que levan no Concello. Entre os proxectos que mantén paralizados o goberno, están, segundo din, as obras presentadas polo BNG con cargo ao Fondo Estatal de Sostibilidade Local, o soterramento da liña de alta tensión en Torneiros, o acondicionamento e ampliación da área deportiva da Granxa ou a reparación das escolas unitarias de Atios e Carracido.
Asemade os nacionalistas preguntarán no pleno extraordinario polo proceso de selección de persoal iniciado co anterior goberno, polas ordenanzas que regulen o vertido na depuradora de Guillarei ou o desleixe no departamento de Urbanismo ante as infraccións urbanísticas.
Persoal
O BNG pide a comparecencia do concelleiro delegado de Persoal e Seguridade Cidadá, José Manuel Jacobo Vázquez , para que responda por qué está parado o proceso de selección para cubrir unha praza de técnico/a medio, un posto de diplomado/a en traballo social e un posto de técnico/a informático, fundamentais para mellorar o servizo a cidadanía. Os nacionalistas denuncian que, mentres este proceso está aparcado -co lóxico prexuizo para os aspirantes-, nos últimos meses estase comprobando un incremento de persoal prestando servizos para o Concello do Porriño mediante a modalidade de colaboración social.
O BNG acusa tamén a Jacobo Vázquez de relaxar o control e a vixilancia sobre os aparcamentos irregulares nas zonas peonís, nas prazas de discapacitados e nas de carga e descarga. Preguntan os nacionalistas se hai incluso “ordes concretas” do goberno local para non controlar a zona azul.
Urbanismo
Nesta sesión extraordinaria o Bloque pide tamén a comparecencia do edil de Urbanismo, Marcelino Coto Troncoso. O BNG demándalle información sobre a situación de numerosos expedientes de disciplina urbanística, alguns con infraccións moi graves, iniciados polo goberno anterior e que poderían quedar sen sanción se o Concello non actúa en tempo e forma.
Os nacionalistas preguntarán tamén polo estado do proceso de modificación do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) que fora adxudicado no ano 2009. Solicitan unha reunión entre a empresa adxudicataria e os portavoces dos distintos grupos políticas.
Vías e Obras
O goberno do Bloque Nacionalista Galego deixara aprobadas e presentadas varios proxectos de saneamento e obras con cargo ós programas de investimento local do Estado e tamén da Deputación. Pasaron xa catro meses deste ano e aínda non se iniciaron as obras do FESL 2010. O BNG esíxelle ó conclleirod e Vías e Obras, Manuel Carrera Punzón, que axilice a contratación de ditas obras pra poder cumprir os prazos neste exercizo e non perder as subvencións.
Os nacionalistas demándanlle ó goberno local que presione ante Augas de Galicia para non perder as obras de saneamento presentadas no mandato de Raúl Francés. O Bloque quere que o edil de Vías e Obras explique porqué non se iniciaron aínda as obras nas escoals unitarias de Atios e Carracido que xa foran licitadas.
Do mesmo xeito O BNG pregunta por qué pasados dous meses da posta en marcha da ADR de Guillarei, no concello do Porriño aínda non se procedeu a conexión dos colectores do centro urbán e Polígono de Torneiros que están en funcionamento, sen que o goberno informara dos motivos que provocan este retraso.
Convenio coa MATI, Fenosa e Pxom
No pleno extraordinario que solicita o BNG, o grupo nacionalsita proporá a sinatura coa consellería de Medio Ambiente Infraestruturas e Territorio dun convenio de colaboración e financiamento para a mellora das instalacións deportivas do polígono da Granxa.
Asemade proponse que o diñeiro obtido pola expropiación dos terreos necesarios para a ampliación do CTAG se destine á mellora das pistas deportivas da Granxa e a área recreativa anexa.
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego insta ó goberno tripartido do Porriño a iniciar o expediente de contratación da obra civil para o soterramento da L.A.T O Porriño – Torneiros o seu paso polo polígono IV. O Bloque pide que se lle solicite á consellería de Industria e a Unión Fenosa-Gas Natural que, unha vez executada a obra civil polo Concello, financien e executen a obra eléctrica tal e como se asumiu coa sinatura do convenio de colaboración no ano 2008.
Por último, o BNG pide que se inclua nesta sesión plenaria a aprobación inicial da modificación puntual da parcela 260 no polígono. Esta parcela aparece como zona verde no Pxom, pero nela hai industrias instaladas de acordo ó plan parcial do polígono, que era previo ó Pxom do ano 2003. “Tanto a consellería como os técnicos municipais emitiron informes favorables á modificación, así que o goberno local pode proceder a aprobación despe punto pra seres despois sometido a información pública”, rematan. |