“Todo o mundo sabe que Nelson Santos, no 2007, foi un dos que máis criticou a proposta do PSOE do Porriño e agora ten a desvergoña política de tratar de sumarse a unha proposta que atacou e desprestixiou”
O secretario xeral do PSdeG-PSOE de Porriño, Iván Vaqueiro, fixo público hoxe, tras a reunión mantida co secretario de Estado de Infraestructuras, Victor Morlán, o Delegado de Goberno en Galicia, Antón Louro, o deputado socialista Luis Gómez Piña e a plataforma en contra do paso a nivel, que Fomento impulsa as obras do tren de Alta Velocidade Vigo-Oporto para o 2013 apostando pola proposta do PSOE de Porriño de variante ferroviaria incluida na alternativa 1 do Ave.
“Trátase da confirmación de que o que defendíamos no 2007 era verdade e a mellor proposta. Estamos moi contentos de que Fomento decida impulsar a alternativa 1 e a variante ferroviaria do Porriño que nos lle propuxemos. É a confirmación de que os 6 anos de traballo que levamos os socialistas do Porriño traballando neste tema, teñen a súa confirmación definitiva”.
Vaqueiro e Morlán trataron tamén aspectos relativos ó impulso necesario dun tren de pasaxeiros de mercancías entre Vigo e os polígonos industriais de Porriño, xa previsto nun recente estudio de Adif, dada a importante cantidade de persoas que transcurren na actualidade entre Vigo-Porriño cara as empresas da zona ou á conexión viaria Porriño-Torneiros.
O PSOE afirma que Santos “non ten vergoña política”
Pero o socialista foi moi duro co actual alcade Nelson Santos que agora se trata de sumar ó carro desta victoria para Porriño afirmando que “todo o mundo sabe que Nelson Santos, no 2007, foi un dos que máis criticou a proposta do PSOE do Porriño e agora ten a desvergoña política de tratar de sumarse a unha proposta que atacou e desprestixiou”.
“Se alguén loitou en solitario para que este proxecto fose adiante, foi o PSOE. Santos tratou de hipotecar o futuro do Porriño pero agora non lle quedou outra que aceptar a proposta de Fomento como fixo onte porque era a máis sensata”, din os socialistas. Vaqueiro pediu a Santos que “cando menos, teña a cortesía política de recoñecer o traballo dos demais e non pretender apropiarse del. Eso tan só o fan os bancos. Este é en todo caso, un triunfo do Porriño, de todos e todas”. |