"Resulta un insulto á intelixencia queixarse de non acometer unha obra de 90.000 €, como reclamaba o concelleiro Iván Vaqueiro, cando se ten bloqueada a posibilidade de facer obras por 6 millóns de euros”
En contestación ás críticas do grupo do PSdeG-PSOE sobre os orzamentos municipais e os plans de inversións, o alcalde de Porriño, Raúl Francés, manifesta que non se trata de facer un novo orzamento, senón de deixar executar o que está orzamentado no plan de investimentos do 2008. “Como se sabe, diante das dificultades dun goberno en minoría, o BNG someteuse a unha cuestión de confianza en 2008, poñendo en perigo o seu goberno, para aprobar os orzamentos. Unha vez aprobados, como así aconteceu, hai case 6 millóns de euros para facer inversións, pero teñen que ser autorizadas polo Pleno e até o momento tiveron en contra o voto do PSOE e dos outros grupos da oposición”, sinala.
“Parece claro que nesta situación excepcional non se trata de aprobar novos orzamentos senón de executar os seis millóns que a oposición lle nega ao pobo do Porriño” afirma Raúl Francés. “Para o goberno municipal resulta un insulto á intelixencia queixarse de non acometer unha obra de 90.000 €, como reclamaba o concelleiro Iván Vaqueiro, cando premeditadamente se ten bloqueada a posibilidade de facer as obras necesarias por 6 millóns de euros”, asegura.
Segundo informa o nacionalista, entre as obras que están aprobadas no Orzamento do 2008 e bloqueadas polos partidos da oposición están: Construcción do auditorio municipal, adquisición de terreos para aparcamento en Pontellas, plan de mellora de estradas nas parroquias, reserva para vivenda de protección oficial, plan de saneamento en núcleos rurais, ampliación da rede de abastecemento de auga, área recreativa da Risca, campo de futbol de Lourambal, gradas e vestiarios no campo de Atios, adquisición terreos parque urbano do rio Louro, etc.
“No caso do bloqueo que establece o PSOE a situación é moi curiosa, porque este grupo votou a favor dos orzamentos -cando por certo o seu voto non decidía nada- e no seguinte Pleno votou en contra de que se materializaran porque a súa teoría é invertir en patrimonio e non nas obras necesarias para os veciños. É certo que o seu voto non é decisivo pois os grupos da dereita chéganse sós para impedir as obras. Por iso é máis incomprensible a súa posición”, concluíu Raúl Francés. |