O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio entre o organismo dependente da Consellería de Economía e Facenda e FEGAPE
O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, e a Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape) para o desenvolvemento dun proxecto piloto consistente en potenciar a eficiencia enerxética nos polígonos industrias galegos. Trátase dunha actuación de promoción do aforro e da eficiencia enerxética no sector empresarial que o Inega desenvolve en colaboración co IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) e mediante a que se subvencionan, a fondo perdido, actuacións tendentes a incentivar o uso racional da enerxía nos parques empresariais englobados na devandita federación, a única destas características existente en Galicia, que dá cabida a 24 entidades representativas de polígonos e que aglutinan 40 parques empresariais, e representan o 95% das asociacións de empresarios de Galicia.
O convenio, para o que o Inega achegará un total de 201.847,50 euros e a Fegape os fondos adicionais necesarios para a súa execución, abrangue a implantación de medidas experimentais e pioneiras de aforro e eficiencia enerxética no sector empresarial que supoñan unha alternativa limpa e racional no uso da enerxía, medidas necesarias nun contexto desfavorable como o actual, e que axudarán a unha mellora das condicións ambientais.
Optimización enerxética
Entre o abano de actuacións que recolle o convenio tendentes a incrementar o uso racional da enerxía nos polígonos industriais atópase a realización de auditorías enerxéticas en industrias. A Fegape encargarase de realizar estudos para a mellora da eficiencia enerxética en 25 industriais manufactureiras situadas nos parques empresariais incluídos nesa federación. Esta actuación terá un orzamento de 144.286 euros, do que o 75% correrá por conta do Instituto Enerxético de Galicia e o restante 25% deberá ser asumido ben pola industria auditada ou ben pola propia federación. Cada estudo de optimización enerxética analizará o proceso produtivo da empresa e deberá propoñer medidas de redución do consumo enerxético. A análise poderá ser integral ou limitada aos procesos e sistema de maior demanda enerxética. Ademais os seus resultados deberán estar dispoñibles na páxina web do Inega, http://www.inega.es . A Fegape entregaralle ao Inega copias das auditorías, o seu custo e un informe resumo coas accións propostas en cada estudo e a súa viabilidade: investimentonecesario, aforro enerxético e económico derivado das medidas, etc.
Plan de mobilidade en polígonos
A realización dun plan de mobilidade en 4 polígonos industriais, elixidos por proposta da Fegape, constitúe outra das actuacións que se van desenvolver a través deste convenio. Este plan de transporte ten como pretensión cambiar o modo de desprazamento das persoas ao lugar de traballo e promover medios de transporte colectivos máis eficientes. O estudio levarase a cabo no ámbito da Comunidade de Propietarios de Pocomaco (A Coruña), da Asociación de Empresarios de As Gándaras - Porriño (Pontevedra), da Asociación de Empresarios do Polígono Sete Pontes - Vilalba (Lugo) e da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial San Cibrao das Viñas (Ourense), que mobilizan no seu conxunto 24.200 traballadores. Para esta actuación cun orzamento global de 156.055 euros, o Inega achegará o 60% do custo e o restante 40% deberá ser asumido polo polígono ou pola Fegape.
Divulgación dos resultados das auditorías
A Fegape encargarase de contactar con outras industrias para informalas das melloras que se detectaron nas auditorías das empresas do seu sector. Así mesmo comprométese a facer figurar a imaxe corporativa do Inega e do IDAE en toda a documentación que requira o desenvolvemento do devandito convenio.
Cuantificación do aforro enerxético
O convenio tamén establece que a Federación Galega de Parques Empresariais lle entregará ao Instituto Enerxético de Galicia un informe de todas as actuacións realizadas dentro do obxecto do convenio, no que se indique o investimento de cada unha delas e o aforro enerxético que se alcanzará con cada unha das actuacións levadas a cabo.
Consello da Xunta
Todas as medidas de aforro e eficiencia enerxética recollidas no convenio deberán estar executadas antes do 30 de agosto de 2010. |