ENTIDAD
A GRANXA
COMISIÓN DELEGADA
LOCALIZACIÓN
EMPRESAS
PLANO POLÍGONO
EMPRESAS MIEMBRO
UTILIDADES
HEMEROTECA
ENLACES DE INTERÉS
CONTACTO
HEMEROTECA
03/09/2009 A Xunta de Galicia continuou hoxe a rolda de contactos cos concellos que integrarán a futura área metropolitana de Vigo

Nesta ocasión a reunión foi con Raúl Francés (alcalde de Porriño)

O director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, continuaron hoxe a rolda de contactos cos alcaldes dos catorce concellos da comarca viguesa que integrarán a futura Área Metropolitana de Vigo. Nesta ocasión, director xeral e delegada territorial mantiveron reunións de traballo cos rexedores de Pazos de Borbén e Porriño, Andrés Iglesias e Raúl Francés, respectivamente.

Tanto Norberto Uzal coma Lucía Molares explicáronlle aos alcaldes destes dous concellos que a intención da Xunta de Galicia é partir do proxecto de lei que xa estaba consensuado e que fora aprobado polo Consello da Xunta a comezos do ano 2005, matizando que a finalidade última é recabar toda a información posible dos municipios implicados para retomar a iniciativa e iniciar así a redacción dun novo proxecto de Lei de Área Metropolitana que conte coa aprobación de todos os concellos que formarán parte da nova entidade supramunicipal.

Así, no transcurso dos encontros, que se levaron a cabo nun clima de total cordialidade, os rexedores trasladáronlle aos representantes do Goberno galego as súas peticións e suxerencias sobre as competencias e servizos que consideran deberían formar parte da futura entidade supramunicipal. Neste senso, Uzal e Molares recolleron todas as súas manifestacións e explicáronlles que os concellos implicados teñen de prazo ata o 30 de outubro para enviar todo tipo de información e documentación concreta á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza así coma as posibles suxerencias e opinións que os concellos plantexen para estudialas conxuntamente de cara a configurar un novo borrador do proxecto de Área Metropolitana. Unha vez que a Xunta de Galicia dispoña de toda a información necesaria, comezarase a analizar e a traballar na elaboración e redacción dun primeiro documento.

A rolda de contactos desta mañá continuará nas próximas semanas con outros concellos do entorno da cidade olívica co fin de seguir traballando e iniciar un breve periodo de reflexión e consultas sobre as competencias que poderían ser xestionadas pola nova entidade supramunicipal e para cuxa creación é “imprescindible o consenso de todos os municipios implicados”. “Eles son os protagonistas”, recordou a representante do Goberno autonómico na cidade. O punto de partida, como xa deixou claro o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo na súa visita institucional á cidade viguesa, é a declaración de Soutomaior do ano 1999 e o proxecto de lei que fora aprobado polo Consello da Xunta a comezos do ano 2005 pero que non entrou en vigor pola disolución do Parlamento. Este texto xa tiña acadado un amplo consenso entre os catorce municipios que, agora, o Goberno galego quere recuperar coa finalidade de constituir a Área Metropolitana de Vigo, un dos obxectivos primordiais do presidente para este ámbito territorial.
novas.xunta.es/node/15942
 
<< volver a listado de noticias