Ó longo da campaña repartíronse nos centros de traballo cadernos informativos con consellos sobre reducción de residuos
Na campaña de reducción de residuos "Depende de ti, depende de nós", organizada desde a concellería de Medio Ambiente do concello porriñés, repartíronse 3.000 cadernos informativos que incluían un cuestionario con 16 preguntas para participar nun concurso con premios para as persoas que máis coñecementos acreditaran na cuestión da reducción e tratamento do lixo. Obtivo o primeiro premio, consistente nunha fin de semana para dúas persoas nunha casa de turismo rural no Courel, a porriñesa, veciña de Atios, Beatriz Lago Valcárcel. O segundo premio, un lote de produtos ecolóxicos de Galicia, foi para a veciña de Porriño, Consuelo Sousa Sío; e o terceiro, un lote de produtos de comercio xusto, foi para o veciño de Torneiros, Florentino Iglesias Alonso.
Os 3.000 cadernos informativos repartidos ó longo da campaña, con consellos sobre reducción, reutilización e reciclaxe tanto nos fogares, como nos centros de traballo ou educativos; tamén incluían completa información sobre o punto limpo, o servizo de reciclaxe instalado hai dous anos polo concello porriñés no Polígono da Granxa para os residuos que non se poden depositar nos contedores convencionais ao recibiren un tratamento diferente (cascallos e entullos, mobiliario, electrodomésticos, aparellos eléctricos, etc), así como dos lugares habilitados polo concello para o reciclado de cd´s e dvd´s, pilas usadas ou aceite de cociña.
A concelleira de Medio Ambiente, Miriam Martínez Troncoso, quen hoxe entregou os agasallos ás persoas premiadas, afirmou que “O obxectivo desta campaña era acadar un maior coñecemento sobre o tratamento do lixo, así como crear hábitos de consumo responsábel entre a cidadanía. Foi unha grata sorpresa comprobar que moitas das persoas participantes contestaron correctamente ás 16 preguntas plantexadas no cuestionario, polo que tivemos que sortear entre as acertantes os tres premios”. |