O acto contou coa presencia da concelleira de Medio Ambiente, Miriam Martínez Troncoso
O Concello de Porriño informa a través da súa concellaría de Medio Ambiente, dirixida por Miriam Martínez Troncoso, da presentación da campaña de reducción de residuos "Depende de Nós, Depende de Ti" sobre o tratamento e a prevención do lixo entre e cidadanía. A campaña consiste no reparto de 3.000 cadernos con consellos sobre reducción, reutilización e reciclaxe tanto nos fogares, como nos centros de traballo e educativos. Tamén se inclúe no folleto completa información sobre o punto limpo, o servizo de reciclaxe instalado hai dous anos polo concello poriñés no Polígono da Granxa para os residuos que non se poden depositar nos contedores convencionais ó recibiren un tratamento diferente (cascallos e entullos, mobiliario, electrodomésticos, aparellos eléctricos, etc); así como dos lugares habilitados polo concello para o reciclado de cd´s e dvd´s, pilas usadas ou aceite de cociña.
A campaña inclúe un concurso no que se pode participar contestando un cuestionario de 16 preguntas, cada unha delas con 3 respostas posibles e só unha correcta. Para participar, unha vez respondido o test débense cubrir os datos persoais e depositar o mesmo nas urnas que se poden atopar na Casa do Concello, no Centro Cultural Municipal, na piscina, no pavillón, e nas dependencias municipais do Centro Multiusos de Torneiros. Resultarán premiados os 3 cuestionarios con máis contestacións correctas. O primeiro premio consiste en dúas noites de fin de semana para dúas persoas nunha casa de turismo rural do Courel, a elixir entre os meses de xullo de agosto. O segundo e terceiro premio consiste en dous lotes de produtos de agricultura ecolóxica e comercio xusto respectivamente. O prazo límite para entregar o test remata o 20 de xullo.
A concelleira de Medio Ambiente, Miriam Martínez Troncoso, afirmou que “un dos obxectivos da campaña Depende de Nós, Depende de Ti, é formar á cidadanía, a través da educación medioambiental, no correcto tratamento dos residuos que xeramos no día a día, así como na importancia de crearmos hábitos de consumo responsábel”. |