Os populares “lamentan que os empresarios alí instalados non reciban os servizos polos que pagan" e reclaman ó goberno local que cumpra as súas competencias
O Partido Popular de Porriño denuncia o mal estado do Polígono de A Granxa, “unha situación lamentable provocada polo descuido e abandono por parte do goberno local, que xa se ven producindo durante os últimos anos”, aseguran. “Son numerosas as consecuencias desta deixadez do Concello”, sinala Manuel Carrera, presidente dos populares porriñeses, “pero o máis grave actualmente é a presencia de residuos fecais debido a unha infraestrutura deficiente e un mal funcionamento das bombas de desaugadoiro e á falla de mantemento, pois dende o un de xaneiro deste ano rompeuse o contrato coa entidade encargada deste labor”.
“Tendo en conta que todos os empresarios pagan os seus impostos e cumpren as súas obrigas, o Concello debe responder prestándolles os servizos polos que pagan”, asegura Carrera. Por todo isto, dende o Partido Popular de Porriño “esíxeselle ao goberno local que se responsabilice dos seus labores e cumpra coas súas competencias, aportando unha solución inmediata a este problema que está a provocar grandes danos sobre o medioambiente e unha elevada peligrosidade para persoas e animais”.
Na mesma liña, os populares tamén denuncian o deterioro e a mala imaxe do Polígono a consecuencia da falla de medios. Deste xeito, reclaman o arreglo de farolas, sinais de tráfico e rotondas, así como a colocación de contedores de lixo, o acondicionamento duna zona para aparcar as gabarras e a limpeza xeral das inmediacións do recinto. |