ENTIDAD
A GRANXA
COMISIÓN DELEGADA
LOCALIZACIÓN
EMPRESAS
PLANO POLÍGONO
EMPRESAS MIEMBRO
UTILIDADES
HEMEROTECA
ENLACES DE INTERÉS
CONTACTO
HEMEROTECA
30/12/2008 María José Caride inaugura o novo enlace de Atios que permite un acceso directo á autovía Porriño-Tui

Prolónganse e amplíanse os accesos á A-55 de xeito que agora cada un deles conta con máis de 400 metros de lonxitude

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, inaugurou hoxe o novo enlace da estrada autonómica Atios-Salvaterra (PO-510) coa N-550 á altura de Atios, no concello de Porriño, o que permite un acceso directo á autovía Porriño-Tui (A-55) para o tráfico procedente de Salvaterra de Miño con dirección a Vigo. Nesta actuación a Consellería de Política Territorial investiu 3,1 millóns de euros.

Ata o de agora, o movemento que tiña que realizar o tráfico procedente de Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e a zona industrial de Porriño para entrar na autovía en dirección norte esixía unha complicada manobra, consistente ou en percorrer 200 metros en dirección sur, pasar polo medio do polígono industrial e volver a dirixirse cara o norte, ou en atravesar o casco urbano de Porriño.

Para solucionar este problema construíuse un novo ramal que permite a incorporación directa na autovía en dirección norte e que inclúe unha ponte sobre a N-550 e a vía do ferrocarril. Esa nova estrutura deseñouse co gálibo adecuado para permitir o paso do tráfico industrial da zona. A obra supuxo tamén a construción de dúas glorietas, unha na intersección da estrada Atios-Salvaterra coa N-550 e outra na saída da A-55 cara á PO-510. Igualmente, reforzouse o firme e ampliouse o treito final desta estrada autonómica ao longo dos 180 metros existentes entre as anteditas glorietas para habilitar ata catro carrís: acceso á N-550 de catro metros de anchura, acceso á A-55 de seis metros, entrada á glorieta final dende a PO-510 de catro metros e saída da glorieta cara á PO-510 doutros catro metros. No lado dereito deste treito ampliado entre as glorietas tamén se habilitou unha beirarrúa de 1,5 metros de anchura.

Así mesmo, prolongáronse e ampliáronse os accesos á A-55, de xeito que agora conta cada un deles con máis de 400 metros de lonxitude, un carril de 4 metros de anchura, unha beiravía dereita de 2,5 metros e outra esquerda doutro metro. Ademais, construíuse un terceiro carril na A-55, duns 400 metros aproximadamente, entre o enlace coa PO-510 e o seguinte enlace coa AP-9, co que se incrementa a capacidade da autovía nese treito e se axiliza a circulación.

A construción deste enlace supón unha notable mellora tanto para a mobilidade dos tráficos industriais da zona como para a calidade de vida dos veciños do Porriño que, como nó de infraestruturas viarias, tiña que soportar un importante tráfico de vehículos pesados. O novo acceso directo á autovía permitirá reducir o tránsito pola estrada convencional que atravesa Porriño e, polo tanto, que a súa cidadanía gañe en seguridade viaria e calidade ambiental.

Igualmente, o novo enlace supón unha mellora para a accesibilidade dos concellos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, melloras que se verán incrementadas coa conexión directa por autovía coa Plisan que construirá Política Territorial e cuxo gasto de case 22 millóns de euros ven de ser autorizado hai dúas semanas polo Consello da Xunta.
www.cptopt.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/pid/19?area=2&orden=730&buscar=1
 
<< volver a listado de noticias