Fernando Blanco asinou hoxe un convenio de colaboración coa Federación Galega de Parques Empresariais
O conselleiro de Innovación e Industria e presidente do padroado da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Fernando Blanco, asinou esta mañá en Santiago un convenio de colaboración co presidente da Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE), Luis Fernández, para a realización do curso PEME Sostible Responsable. A Fundación achegará 113.682 euros para financiar esta actividade formativa, o 100% do custe total.
No curso, que se porá en marcha nun prazo de tres meses, explicarase ás empresas participantes a metodoloxía GRI para a elaboración de Memorias de Sostibilidade para que poidan realizar a súa propia memoria, ademais de orientalas e informalas dos beneficios que achega a actuación das organizacións en materia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE).
A RSE é un novo enfoque das empresas para chegar a ser máis competitivas e máis sostibles. Baséase na integración voluntaria por parte dos empresarios das preocupacións sociais e medioambientais nas súas operacións comerciais e nas relacións cos interlocutores e grupos de interese (traballadores, clientes, accionistas, provedores, competencia, administracións e entorno); implicando unha vocación de permanencia e un compromiso da dirección. O obxectivo da RSE é triple: económico, medioambiental e sociolaboral. Implica a apertura do círculo de relación máis alá de accionistas e clientes, así como a voluntariedade de integrarse no territorio onde realiza a súa actividade e colaborar cos axentes máis significativos.
O convenio asinado hoxe encádrase no marco das políticas desenvolvidas pola Fundación para achegar ás PEMES galegas as ferramentas que permitan a integración voluntaria das preocupacións sociolaborais e medioambientais nas operacións empresariais e nas relacións cos seus interlocutores. Neste sentido, a Fundación considera que a Responsabilidade Social Empresarial é un aspecto da estratexia e xestión empresarial moi beneficiosa para as organizacións e que sempre estivo en axenda aínda que é agora cando se manifesta con novos enfoques e adaptada aos tempos actuais. |