Salustiano Mato, director xeral de I+D+i, inaugurou a xornada xunto ao alcalde de Porriño, Raúl Francés, e o director do CTAG, Luis Moreno
O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) celebrou esta mañá unha nova sesión das xornadas Diverauto, unha actividade lúdica e divulgativa sobre a I+D+i no sector da automoción dirixida a rapaces de 6º curso de Educación Primaria. No acto de presentación de Diverauto estiveron presentes o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato de la Iglesia; o alcalde do Porriño, Raúl Francés, e o director xeral do CTAG, Luis Moreno.
As xornadas de Diverauto, que terán continuidade o próximo venres, fomentan nos nenos a cultura do coñecemento da ciencia e da tecnoloxía. En maio de 2008 tiveron lugar outras dúas visitas tamén no marco de Diverciencia. Hoxe visitaron o CTAG un grupo de 32 alumnos e alumnas e 3 profesores do CPI da Ribeira, colexio do Porriño. O próximo venres tócalle a vez ao colexio Mestre Alonso Martínez de Mos.
A actividade conta co apoio da Consellaría de Innovación e Industria a través de Diverciencia, un programa do departamento dirixido por Fernando Blanco mediante o que se incentiva a organización de actividades de comunicación e divulgación científica e tecnolóxica. Estas axudas, dotadas en 2008 cun orzamento total de 648.000 euros, enmárcanse dentro do Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010 (incite).
Co obxectivo de que os rapaces e rapazas vexan a importancia da I+D+i, amosáronlles os diferentes tipos de traballos que se realizan no Centro. Os monitores da actividade explicaron aos asistentes como se utiliza a ciencia aplicada ao desenvolvemento industrial en Galiza, dándolles a coñecer como as empresas trasladan estes avances á sociedade.
Desde a materia prima
A xornada divídese en tres partes e amosa a cadea de produción desde a materia prima ata o resultado final. Na primeira parte realizáronse xogos e mais unha charla interactiva sobre aspectos como a seguridade, a transformación de materiais, etc, amosando todos os obxectos dos que se falou (airbags despregados, cintos de seguridade, etc). Os nenos e nenas viron, por exemplo, as materias primas empregadas para obter despois determinadas pezas do coche.
Na segunda parte do obradoiro, os participantes realizaron, guiados por monitores, cinco experimentos dos que habitualmente se desenvolven no CTAG, relacionados coa resistencia das pezas, coa ergonomía dos asentos ou coa visión mediante luz infravermella. Ademais, viviron a experiencia de deseñar un coche desde o seu nacemento, comprobando as esixencias das diferentes fases da produción.
A última parte da xornada é a chamada “Clúster Car”, coa que se lles amosa aos rapaces e rapazas onde van parar as diferentes pezas do coche que foron vendo ao longo da visita para, finalmente, ensinarlles o funcionamento dalgunhas delas na súa posición dentro no conxunto do automóbil. |