ENTIDAD
A GRANXA
COMISIÓN DELEGADA
LOCALIZACIÓN
EMPRESAS
PLANO POLÍGONO
EMPRESAS MIEMBRO
UTILIDADES
HEMEROTECA
ENLACES DE INTERÉS
CONTACTO
HEMEROTECA
01/12/2006 A conselleira de Política Territorial pon a primeira pedra da variante de Porriño que conectará a N-120 coa PO-331

A infraestructura conta cunha lonxitude de 520 metros, un orzamento de 3,03 millóns de euros e un prazo de execución de 9 meses

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes puxo esta mañá a primeira pedra da variante noroeste de Porriño, unha vía que enlazará a N-120 coa PO-331 evitando así o paso de tráficos polo centro urbano.


A variante conta cunha lonxitude de 520 metros, un orzamento de 3,03 millóns de euros e un prazo de execución de 9 meses. A nova estrada partirá dunha nova glorieta na avenida de Buenos Aires, nome que recibe a PO-331 convertida na práctica nunha vía urbana na súa entrada no Porriño, e rematará na N-120, onde se remodelará o nó existente agora para construír outra nova glorieta que permita regular máis eficazmente os tráficos das estradas que alí conflúen e que dan acceso tamén á Autovía Vigo-Tui.

A nova variante, que se construirá en terreos dos termos municipais de Mos e Porriño, terá dous carrís de 3,75 metros de ancho e dúas beiravías de 2,5 metros. Ademais, contará cun viaduto de 180 metros sobre o río Louro.

Esta variante posibilitará desviar tráficos fora do centro urbano de Porriño, especialmente os vehículos pesados e de mercadorías perigosas nunha zona altamente industrializada. Así, a nova vía enlazará a PO-331 que chega dende o Val Miñor e a Cidade Universitaria de Vigo coa rotonda e o nó de acceso á autovía Vigo-Tui (A-55) e, dende ela, á Autovía das Rías Baixas (A-52). A variante, ademais, evita o paso polo centro de Porriño a través da avenida de Buenos Aires, rúa que se ve afectada por un paso a nivel ferroviario, coas conseguintes retencións que isto ocasiona. A través da nova variante, os tráficos gañaran en seguridade e axilidade, mellorando tamén a calidade de vida da cidadanía de Porriño.

Ademais, a CPTOPT está xa a traballar na mellora da PO-331 Porriño-Gondomar noutros treitos coa construción dun carril para vehículos lentos entre os puntos quilométricos 15,6 e 18,1, reforzo do firme entre os 2,7 e 14,4 e construción de glorietas na intersección coa estrada PO-332 que se dirixe a Nigrán, no p.q. 14,5, así como no p.q. 15,6. Nestas actuacións estanse a invertir 3,2 millóns de euros. Precisamente, enlazando con esta PO-331, Política Territorial está a redactar o proxecto para a mellora da estrada PO-342 Virxe do Camiño-Cela. Esta obra acometerase no treito entre Virxe do Camiño e Mosende, ao longo de 7,1 quilómetros, e contará cun investimento de máis de 850.000 euros.

Por outra banda, en Mos a consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes está a construír tamén un edificio multiusos en colaboración co Concello, dotación para a que aporta máis de 800.000 euros. Este edificio terá unha superficie construída total de 1.477 metros cadrados e contará cunha gran sala principal e outras dúas polivalentes que se poderán utilizar de forma conxunta ou independente en función do tipo de actividades que acollan.

Enlace de Atios e áreas de estacionamento de autobuses

Tras pór a primeira pedra da antedita variante, María José Caride visitou tamén en Porriño as obras do novo enlace de Atios e as dúas áreas de estacionamento de autobuses postas en servizo recentemente na avenida de Galicia.

No caso do enlace, a obra conectará a estrada N-550 coa estrada PO-510 (Atios-Salvaterra), o que permitirá un acceso directo á Autovía Vigo-Tui (A-55) para o tráfico procedente de Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas con dirección a Vigo. Nesta actuación a CPTOPT está a investir máis de 2,2 millóns de euros. O enlace suporá a construción dun novo ramal que permita a incorporación directa na Autovía en dirección norte, cara Vigo, e que inclúe unha ponte sobre a N-550 e as vías do ferrocarril. Este novo acceso evita o rodeo que se tiña que dar ata agora en dirección sur a través dunha zona industrial para logo xirar ao norte, co que se axilizan as conexións.

Trátase dun treito de 411 metros de lonxitude que disporá dun carril de 4 metros de ancho, unha beiravía dereita de 2,5 metros e unha beiravía esquerda de 1 metro. Así mesmo, construirase un terceiro carril na A-55, duns 400 metros aproximadamente, entre o enlace coa PO-510 e o enlace coa AP-9. Tamén está previsto colocar dúas glorietas nas interseccións da estrada PO-510 coa N-550 e na saída da A-55 cara á PO-510, así como reforzar o firme da calzada da PO-510 entre as anteditas glorietas.

Tanto esta actuación como a variante de Porriño e as melloras na PO-331 enmárcanse no obxectivo da CPTOPT de facilitar as conexións de zonas cun importante compoñente industrial e produtivo mellorando así a súa competitividade.

En canto ás áreas de estacionamento de autobuses, unha plataforma en cada sentido da avenida de Galicia, permiten concentrar os tráficos de transporte público, ordenando a circulación e garantindo unhas mellores e máis cómodas condicións de uso para os viaxeiros. Estas áreas, postas en servizo recentemente tras unha inversión de 247.000 euros, melloran as condicións do transporte colectivo tanto para os veciños de Porriño como para o resto de viaxeiros que se achegan ó municipio.
www.cptopt.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/pid/19?area=2&orden=207&buscar=1
 
<< volver a listado de noticias